enero 2021

Táboa periódica e ciencia en España

No ano 2019 cumpríanse dous aniversarios relevantes para a ciencia: un deles a nivel internacional (o 150 aniversario da táboa periódica de Mendeleiev) e outro a nivel nacional (o 80 aniversario da fundación do CSIC).

Neste contexto, e dentro das actividades do club de ciencias do centro, xurdiu a idea de poñer en marcha un proxecto que unise estas dúas datas relevantes, como unha maneira de poñer en valor a ciencia española a través dunha especie de xogo no que se unisen destacados científicos españois de todos os tempos e os nomes dos elementos da táboa periódica.

Aínda que o proxecto quedou un pouco truncado polo confinamento derivado da aparición do COVID, dende o comezo deste curso pode observarse a táboa resultante na parede do laboratorio de química do IES.

Taboa

Este curso 2020-2021, tendo en conta as condicións nas que se poidan desenvolver as actividades do club de ciencia, quérese continuar dalgunha maneira desenvolvendo o proxecto orixinal.

Así, no ano 2021 cúmprense dous aniversarios de dous dos científicos recolleitos na táboa: por unha banda, hai 250 anos, nacía a enfermeira galega Isabel Zendal Gómez, que participou na Real Expedición Filantrópica da Vacina (primeira gran campaña de vacinación a nivel mundial), organizada para levar a vacina da varíola aos entón territorios españois de ultramar, e considerada pola OMS como a primeira enfermeira da historia en misión internacional; e por outro, hai 200 anos, morría o militar, enxeñeiro, xeógrafo e naturalista español Félix de Azara, cuxa importante contribución á teoría da evolución das especies vese reflectida nas numerosas veces en que é citado por Darwin nas súas obras, mesmo en “A orixe das especies”, a súa obra máis importante.